09/10/2026
09/10/2026
O pasado 8 de outubro celebrouse á xornada "Cooperativismo de consumo e comunidades enerxéticas", organizada por EspazoCoop. O equipo de Redenerxía participou na mesa redonda sobre retos e oportunidades, na que Miguel Teixido, xerente do GDR Seitura 22 , e David Río falaron das barreiras que frean moitos proxectos e subliñaron a necesidade de ampliar os vínculos permanentes e as ferramentas de colaboración entre as persoas implicadas, algo que espazos como esta xornada axudan a lograr.
Miguel incidiu no importante papel que poden desempeñar os GDR no impulso de iniciativas como a nosa, que busca crear alianzas entre comunidades e con outros axentes do territorio. A mesa contou ademais coa intervención do ITG, que presentou as súas liñas de traballo centradas na pobreza enerxética e no desenvolvemento das zonas rurais a través das Comunidades Enerxéticas, entre elas o proxecto ENECORE, promovido pola FEGAMP.
A xornada continuou cun bloque de casos reais protagonizado pola Comunidade Local Enerxías Renovables de Buchabade e a Asociación Comunidade de Enerxías Renovables ACER Moechem no que tanto Fernando como Marcos amosaron exemplos de comunidades en Galicia que xa pasaron polas primeiras fases de creación cunha comunidade. Compartiton mesa coa experiencia andaluza de Abante Jubilar S. Coop., unha iniciativa de cohousing senior que se consolidou como cooperativa de vivenda en cesión de uso, coa mirada posta na creación dunha Comunidade Enerxética.
A xornada rematou destacando as formacións que xa se impartiron e as que seguen en marcha sobre estas materias no marco do proxecto EC4RURAL e co apoio da Fundación Juana de Vega, co lanzamento da formación "Acción colectiva para a transición enerxética".
A xornada desenvolveuse no marco do proxecto europeo EC4RURAL e tivo lugar no espazo Guardabosques (en Donelle, Sober), un espazo impulsado por Ecooo. Foi un encontro interesante, no que puidemos coñecer de primeira man experiencias moi diversas e reflexionar sobre os retos que afrontan hoxe as Comunidades Enerxéticas.
Desde Redenerxía agradecemos a EspazoCoop, a Guardabosques e ao resto de entidades organizadoras a oportunidade de seguir tecendo rede, e a todas as persoas participantes por compartir a súa experiencia.