01/09/2026
01/09/2026
O pasado venres constituíuse formalmente San Sadurniño Enerxía. Nunha xuntanza da primeira Xunta Directiva aprobáronse os estatutos e asinouse a acta fundacional. A Comunidade Enerxética de San Sadurniño é unha asociación sen ánimo de lucro impulsada polo Concello e a veciñanza, que funcionará de xeito aberto e participativo baixo a premisa de «unha persoa, un voto». Ten como fin principal a produción de enerxía renovable mediante o autoconsumo colectivo aproveitando espazos municipais, ademais de promover compras agrupadas de electricidade, medidas de eficiencia enerxética e loitar contra a pobreza enerxética no municipio.
O estudo realizado identificou 17 cubertas municipais con potencial para instalar placas solares, cunha capacidade aproximada de 609 kW. Como primeira actuación, proponse un núcleo de instalacións na piscina municipal, o centro de empresas e as cubertas do campo de fútbol, que poderían alcanzar 99,3 kW de potencia e unha produción anual próxima aos 97.000 kWh.
Un novo paso para facer realidade o proxecto e avanzar cara a un modelo enerxético máis local, renovable e colectivo.