Redenerxía: Cooperación enerxética para a dinamización socioeconómica dos territorios
Redenerxía é un proxecto de cooperación para mellorar o aproveitamento do potencial enerxético dos territorios rurais a partir do reforzo e a colaboración entre iniciativas comunitarias locais.
O seu propósito é facilitar que as poboacións locais, as asociacións, as pemes e as administracións próximas participen activamente na xestión dos seus propios recursos enerxéticos, para un mellor aproveitamento dos beneficios das enerxías renovables.
A través desta iniciativa búscase reducir a dependencia externa e os custes enerxéticos, fomentar a seguridade e estabilidade de prezos, e contribuir á creación de emprego local a través das comunidades enerxéticas. Este modelo permite transformar o medio rural nun espazo colaborativo de innovación, onde a produción de enerxía limpa se traduce en beneficios directos para o territorio.
Redenerxía é un proxecto de cooperación entre catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia: Seitura 22, Terra Chá, Terras de Miranda e Ulla Tambre Mandeo, ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos mesmos.