12/09/2026
Así foi o primeiro encontro de Comunidades Enerxéticas de Galicia
12/09/2026
Así foi o primeiro encontro de Comunidades Enerxéticas de Galicia
O pasado 12 de setembro, o concello de Moeche acolleu o Primeiro Encontro de Comunidades Enerxéticas de Galicia, organizado por Redenerxía. Reunímonos 29 persoas, representando a máis de 6 Comunidades Enerxéticas xa en marcha e de 3 iniciativas que están a dar os seus primeiros pasos.
O encontro foi posible grazas aos catro GDR que impulsan Redenerxía: Seitura 22, Terra Chá, Terras de Miranda e Ulla-Tambre-Mandeo, e á colaboración do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), do Concello de Moeche e da Comunidade Enerxética ACER Moeche.
O noso obxectivo era sinxelo pero ambicioso: crear unha comunidade de comunidades, poñer en común experiencias e sentar as bases para colaborar en proxectos futuros.
Un mosaico de realidades, un mesmo camiño
Cada Comunidade Enerxética compartiu en que punto se atopa, e quedou claro que, aínda que todas camiñan cara ao mesmo, fano a ritmos distintos.
Xermade, Moeche e Portabouza levan máis camiño percorrido: as tres teñen instalacións de entre 40 e 60 kWp, aínda que seguen agardando o visto e prace administrativo (de distintas administracións) para poder arrancar a compartir enerxía.
Porto do Cabo, O Rosal e San Sadurniño avanzan con paso firme: constituídas legalmente, con estudos técnicos, están a definir xa os seus seguintes pasos.
Bergondo (A Campiña), as Comunidades de Montes da Pedra e de Muras empezan a explorar o camiño, desde negociar con industrias veciñas ata aproveitar a repotenciación dos seus parques eólicos como posible punto de partida de iniciativas comunitarias de enerxía.
Un reto repetiuse en varios dos casos: os atrancos da burocracia, nas súas distintas formas. Permisos que non chegan, licenzas que se eternizan, e no caso de Portabouzas, atrancos de Patrimonio. Tamén os elevados prezos do seguro — problema compartido por varias comunidades - o cal deu pe a unha nova iniciativa para empezar a traballar colectivamente na negociación das pólizas para conseguir mellorres ofertas.
Levamos connosco novas alianzas, e aprendizaxes útiles como as que compartiu Xosé Manuel Golpe (AGACEN), que nos resolveu dúbidas legais clave sobre a compra de electricidade, a cesión de electricidade por parte de empresas a terceiros, e sobre como negociar a repotenciación eólica sen dividir a veciñanza.
Debatemos sobre compras colectivas —desde gasóleo ata coches compartidos ou enerxía— e sobre a aplicación de software que Marcos (da CE de Moeche) está a desenvolver para administrar as comunidades, centralizar datos de consumo e facilitar estas compras entre varias. Tamén falamos claro dos seus límites: esixen dedicación, poden priorizar o aforro sobre a sustentabilidade, non permiten avanzar na autonomía enerxética e non deben deixar fóra ás familias con Bono Social.
Nunha dinámica de grupo, as CE coincidiron en algo revelador: o que máis nos mobiliza hoxe non é tanto xerar enerxía como facer cousas xuntas. As accións sociais, as compras colectivas e a rehabilitación enerxética coláronse por diante mesmo dos proxectos de enerxía fotovoltaica, mentres que a eólica, a minihidráulica e o vehículo eléctrico quedaron para máis adiante polos seus custos e a súa complexidade.
Coñecimos varios proxectos que abren horizontes: o software que está a desenvolverse para a ACER Moche, o proxecto de Enerxía Comunitaria (camiño do primeiro parque eólico comunitario de Galicia), Nosa Enerxía (que busca avanzar para comercializar enerxía 100% renovable dende unha base comunitaria, e apoiar e promover proxectos de comunidades enerxéticas), ou a AGACEN, que está orientada a servir de núcleo profesionalizado para federar ás comunidades enerxéticas galegas.
Redenerxía seguirá acompañando ás Comunidades Enerxéticas galegas ata finais de 2027, co horizonte de que sexan elas mesmas quen se autoxestionen para abordar desafíos e proxectos en cmún. Xa temos un directorio de contactos activo entre todas as CE participantes, e preparámonos xuntas para futuras oportunidades, como a xestión dunha OTC.
Grazas a todas as persoas e comunidades que fixeron posible este primeiro encontro. Se formas parte dunha comunidade enerxética galega —ou estás a pensar en poñer unha en marcha— este é o teu sitio para compartir e colaborar.