O obxectivo xeral do proxecto é apoiar a xeración de beneficios locais dos proxectos de enerxía renovable comunitaria.
Para acadar este obxectivo, o proxecto:
a) promoverá un papel máis activo das poboacións locais na xestión directa dos seus propios recursos enerxético, avanzando cara un modelo enerxético de base comunitaria máis democrático, máis seguro, e máis sostible e eficiente.
b) reforzará as redes de cooperación e os servizos de apoio mutuo que faciliten tanto a creación de novas comunidades enerxéticas como a consolidación e o crecemento das actuais.
Sobre este obxectivo xeral, establécense os seguintes obxectivos específicos para o proxecto:
A. Obxectivos de Transición Enerxética e Medio Ambiente
A.1. - Respaldar a creación e a consolidación e de Comunidades Enerxéticas locais baseadas nas enerxías renovables, como ferramenta para a adaptación ao cambio climático e a mitigación da pegada de carbono no medio rural.
Resultado asociado: aparecen novas iniciativas de CEs, ou iniciativas que están en marcha aseguran o seu avance cara un proxecto de enerxía renovable viable (contan con máis apoios, e están máis capacitadas).
A.2. - Impulsar a transición cara a unha economía baixa en carbono nos territorios rurais, fomentando o uso de recursos endóxenos para a xeración de enerxías limpas e renovables.
Resultado asociado: as poboacións locais coñecen mellor, de maneira práctica, os beneficios das enerxías renovables e están mellor preparadas para aproveitar os recursos enerxéticos locais.
B. Obxectivos de Cooperación e Traballo en Rede
B.1. - Xerar sinerxías interterritoriais que permitan o intercambio de experiencias exitosas e aprendizaxe mutua na xestión compartida da enerxía.
Resultado asociado: prodúcense encontros nos que comunidades enerxéticas máis avanzadas traballan man a man con outras con menor grao de desenvolvemento, para a aprendizaxe e a detección de desafíos comúns.
B.2. – Facilitar a colaboración entre territorios e axentes locais para abordar retos comúns relacionados optimización de recursos e o traballo en rede. Fomentar coalicións e/ou comunidades enerxéticas de segundo nivel.
Resultado asociado: a partir dos encontros entre comunidades de distintos territorios, establécense posibles proxectos e servizos compartidos que beneficien a varias CEs, e discútense fórmulas de colaboración para poñelos en marcha.
B.3. - Promover un ecosistema máis descentralizado e autónomo que garanta unha maior seguridade de subministración, estabilidade de prezos e autonomía enerxética mediante o uso integrado de recursos endóxenos.
Resultado asociado: as comunidades gañan autonomía a través da capacitacións orientadas á autoxestión e a profesionalización, as comunidades poñen en marcha servizos comúns e proxectos colaborativos. As comunidades locais coñecerán mellor as posibles vías para financiar estes proxectos compartidos.
C. Obxectivos de Dinamización Social e Económica
C.1. - Fomentar a participación activa das comunidades locais na xestión dos seus propios recursos enerxéticos, capacitándoas e incluíndo de maneira activa a poboacións vulnerables na toma de decisións para reducir o risco de exclusión social e combater a pobreza enerxética.
Resultado asociado: as entidades do terceiro sector, pemes e áreas municipais vencelladas ao sector sociosanitario e a inclusión social sirven de ponte para facilitar a participación da poboación vulnerable nos proxectos de enerxía comunitaria.
C.2. - Mellorar a competitividade do tecido produtivo local (pemes) dándolle acceso a fórmulas de autoconsumo colectivo que reduzan os custos enerxéticos e promovendo a diversificación da economía rural cara a sectores innovadores ligados á enerxía, a sustentabilidade ambiental e á bio-economía circular.
Resultado asociado: as pemes locais dos distintos territorios coñecen mellor as oportunidades que ofrece participar nos proxectos de enerxía comunitaria, e coñecen ás iniciativas próximas ás que se poden sumar.