05/11/2026
05/11/2026
O xoves 5 de novembro estivemos en Vilasantar ofrecendo unha charla informativa sobre a Comunidade Enerxética do municipio, Vilasantar Enerxía, tratando o seu estado actual e as oportunidades que ofrece o novo marco normativo.
Constituída en 2024, a Comunidade levaba uns meses sen celebrar reunións, e entre elas instalábase un sentimento común de desmotivación tras varios intentos frustrados de atopar financiamento público para a iniciativa. Non é unha situación illada: moitas Comunidades Enerxéticas atravesan etapas nas que non ven avances, e esa barreira pode facer minguar o interese, e mesmo a levar á desaparición da iniciativa. Por iso é imprescindible volver conectar ás persoas socias cos seus obxectivos comúns e marcarse un cronograma claro de pequenas actuacións.
A xornada reuniu a 12 persoas e estivo marcada polo debate, que desembocou nunha serie de acordos:
Reactivar a participación interna. Proponse volver reunir á xunta directiva e convocar unha asemblea coas persoas socias para avaliar o estado actual e saber quen queren continuar e quen non (a participación é libre, aberta e voluntaria), sobre todo tendo en conta as oportunidades entorno á ampliación a 5km do radio no que un autoconsumo comparte enerxía.
Repartir responsabilidades. Durante toda a sesión lembrouse que o peso da Comunidade non debe recaer unicamente no Concello. O presidente e principal impulsor da Comunidade é o propio alcalde, Fernando Pérez Fernández e, ante o peso das súas propias responsabilidades, é recomendable dividir máis as tarefas e que máis persoas asuman un papel activo.
Gañar en transparencia. Durante os últimos meses a Comunidade si estivo traballando, por exemplo solicitando varias axudas, pero non todas as persoas socias estaban ao tanto. Comprométense a compartir a información de forma máis clara e continua.
Seguir ampliando o círculo a pequena escala. Suxírese continuar co efecto chamada a través de conversacións informais e de eventos festivos xa programados no municipio, que a propia Comunidade pode aproveitar para darse a coñecer.
Aprender doutras experiencias. Da man do GDR, proponse visitar outras comunidades enerxéticas xa en marcha que poidan servir de aprendizaxe para seguir adiante de xeito máis seguro.
Sumar ás empresas locais. Coas empresas do municipio que xa contan cunha instalación, exponse a vía de sentarse a falar sobre a posibilidade de ceder ou comprar unha parte dos seus excedentes, ou mesmo de aproveitar a instalación existente engadindo máis paneis e/ou unha batería achegada pola propia Comunidade. Ademais de rendibilizar recursos que xa existen, esta alianza resulta especialmente beneficiosa porque as empresas consomen en horarios distintos aos dos fogares, o que permite aproveitar mellor a instalación.
Esta xornada é un exemplo do traballo que Redenerxía desenvolve nos territorios dos GDR Seitura 22, Terra Chá, Terras de Miranda e Ulla-Tambre-Mandeo: acompañar ás Comunidades Enerxéticas en cada fase do seu camiño, tamén cando o proxecto se frea, ofrecendo apoio técnico, xurídico e social para desbloquealo e devolverlle o impulso colectivo. Porque ningunha Comunidade Enerxética ten por que percorrer o camiño soa, e compartir experiencias entre iniciativas é unha das mellores formas de seguir avanzando.